Santiago de Vilamarín


 

 

Territorio poboado dende a máis remota antigüidade, como se pon de manifesto pola existencia do Castro de Bainte e incluso polo propio topónimo de Vilamarín, procedente, quizáis, de “Vila Marinis”, como nome dun prócer-señor-posesor do territorio, Marinus, en epoca romana ou sueva. E indubidable que destaca, no seu patrimonio arquitectónico, a igrexa parroquial da advocación de Santiago, un edificio que sufríu, na súa estructura, diversas etapas constructivas, ata a sua configuración actual. Posiblemente a súa orixe fose na época baixomedieval, da que se conservan pequenos restos escultóricos gravados en pedras arrimadas na parte interior da torre do edificio, nun dos seus lucernarios. No século XVI esta sinxela edificación sufríu alteracións na súa capela maior, xa que no ano 1583 se documenta a construcción dun retablo maior, do que aparentemente non se conserva ren. 0 retablo era obra do escultor-entallador Roque Salgado, discípulo de Juan de Anges el Mozo.

En torno ós anos 1800-1801 ábrese unha nova etapa constructiva para o edificio eclesial, reedifícase a capela maior e a sancristía e ampliase o corpo do edificio (nave). A obra de índole artística máis importante realizada nesta época foi o retablo maior, conservado perfectamente na actualidade. Este retablo, posiblemente unha das obras escultóricas de estilo neoclásico máis importante da provincia de Ourense, é digna de ter en conta ó estudar a arte deste período en Galicia.

En torno ó ano 1881, -obras indocumentadas-, estímase a construccion da airosa torre da igrexa, ó igual que a dun cruceiro situado na praza pública, diante e próximo do edificio eclesial.

Así chegamos a última etapa constructiva do edificio da igrexa, que se inicia a partir de 1891, ano no que se arranxa o adro e se constrúe un novo cemiterio.

A igrexa parroquial actual con esvelta torre, é un edificio abovedado froito dunha serie de etapas constructivas anteriormente sinaladas. De planta rectangular, nave única cuberta íntegramente con bóveda de cañón, capela maior de planta cadrada e cuberta con bóveda de aresta e sancristía agregada, ten capelas abertas na nave. A torre é de catro corpos. No inferior estatua pétrea de San Xosé. No segundo, airosa balaustrada. O terceiro corpo copia o segundo e o último remata cun cupulín. Ó exterior da nave, cupulín-lucernario. Na parede exterior da sancristía, imaxe pétrea de Santiago peregrino. En todo o conxunto retablístico destaca o retablo maior, século XIX, obra de Manuel de Prado Marino. Dos restantes retablos destacaríamos o mandado por don Pedro Bermúdez de Castro, situado na capela lateral dereita da nave. Unha inscrición conservada no conxunto retablístico lembra e data a obra: ESTE RETABLO COAS SUAS IMAXES FIXO E PINTOU A SUA CUSTA DON PEDRO BERMUDEZ DE CASTRO, SENDO RECTOR DESTA IGREXA. ANO 1712.

Su planta es rectangular, de nave única cubierta íntegramente con bóveda de cañón, capilla mayor de planta cuadrada cubierta con bóveda de aristas y capillas abiertas en la nave . En la fachada posterior presenta una imagen en hornacina de Santiago Peregrino.

 

Ermidas:

Da Nosa Señora do Cibrao neste lugar. E propiedade do pobo, como se aclara na Guia eclesiástica do Clero Diocesano escrita polo presbitero natural do pobo de Vilamarin, don Jose Maria Guzman Novoa.

Outra ermida no lugar de Palacio é a capela de Pazo-Fortaleza de Vilamarín, da advocación de San Gregorio Magno e propiedade dos señores da Casa de Vilamarín. Foi edificada en estilo barroco no ano 1796 e substituiu a outra anterior situada no monte xurisdiccional deste Pazo-palacio.

Castros:

De Bainte, a trescentos metros do lugar do seu nome, no cumio do monte que fai contraforte coa Serra da Martiná. Ainda que cubertas pola vexetación, conserva restos de murallas. Preto deste castro, unha fonte.

Petos de ánimas:

No lugar de Gosende, obra do século XIX e feito de novo en 1984. Recentemente edificouse na praza do lugar de Borulfe un peto de animas en pedra, da advocación da Virxe do Rosario. A modo de capela, con mesa de pedra e nicho que garda unha imaxe moderna da Virxe do Rosario. Esta obra quere lembrar a unha antiga capela da advocación da Nosa Senora do Rosario, desaparecida en 1936 da aldea de Borulfe e que albergaba unhas imaxes da Virxe e de San Caetano, non conservadas.

Cruceiros:

Na praza pública de Vilamarín, preto do edificio eclesial. Obra importante do século XIX, con inscrición na súa basa, difícil de ler. Sen dúbida, o mellor cruceiro de todo o concello.

Hórreos:

Abundantes en toda a parroquia. Destacan os dous da localidade de Borulfe, un hórreo totalmente de pedra e monumento importante de arquitectura popular, século XIX, ademáis doutro próximo e significativo pola cruz que loce no beiril da súa parte frontal). Outro en Castiñeiras e outro conservado na praza pública da localidade de Vilamarín, século XIX.

Fontes:

Na localidade de Vilamarín, dúas fontes: “Fonte Vella” e “Fonte Nova”. Outra moi preto do Castro de Bainte.

Fornos:

No pobo de Vilamarín: comunal, de arquitectura popular.

Pazos e capelado Pazo:

Pazo-Fortaleza de Vilamarín. No lugar de Palacio. Non se sabe a ciencia certa a data de construcción deste edificio. Con toda seguridade en época medieval levantaríase unha torre-fortaleza que dominaría o territorio e con poderes xudicial e administrativo. O edificio actual, en cadeirado de granito, ainda que conservando partes da antiga fortaleza medieval, é froito de diversas modificacións ó longo dos séculos XVI-XVII-XVIII e XX. A súa planta aproxímase á figura xeométrica dun hexágono. Ten torres de defensa con matacans en sainte apoiados en ménsulas (“canzorros”): tres son de planta circular, unha semicircular e dúas rectangulares. Portalón de acceso ó edificio con barbacá e camiño de rolda. Fiestras rectangulares na súa parte alta e dúas pequenas na parte baixa. Cuberta con tella curva que se apoia en cornixa moldeada, rota por canos-gárgolas, loce dúas chemineas correspondentes a cociña e o salón. Artístico reloxo de sol no lado oeste.

O interior do edificio mostra diversas dependencias la súa parte baixa, todas elas ó redor dun patio. Calabozos (“alxubes”), na parte do soto. Escaleira de pedra de subida a parte alta, que loce dependencias diversas enlazadas entre sí. A “peza nobre” é a cociña, con “lareira” que loce campá de pedra apoiada sobre dous piares pétreos. Catro labras heráldicas amósanse no conxunto do edificio, mostrando as armas dos Vilamarín. Fóra do recinto ameado e nas inmediacións, capela da advocación de San Gregorio Magno, edificio das antigas cortes e casa que foi do mordomo. Obra recente do escultor Xosé Cid é a figura en pedra dun guerreiro, que se conserva no terreo de entrada ó recinto fortificado. Rodea toda a edificación un amplísimo campo, de natureza salvaxe, adicado a labores agrícolas e monte.

Podería establecerse a seguinte cronoloxía para este conxunto: cimentos e calabozos, século XIV. Fortaleza: cubos, portalón de entrada, camiño de rolda e torreóns, escudos heráldicos e patio, século XVI, segundo tercio. Antiga capela, despois edificio do mordomo e na actualidade casa sen uso definido, reestructuración da ala oeste do edificio, sobre todo os cubos da muralla desta zona: 1661, mestres de canteiría Domingo de Rivas, Pedro García e Antonio Rodríguez. Salóns e cociña, século XVIII, ademáis da actual ermida e posiblemente o edificio das antigas cortes. Hórreo desaparecido, conservándose únicamente os piares: século XX, primeira metade. Restauración integral do edificio: as obras comezadas en 1978 e rematadas en 1987. Inaugurouse o edificio nobre este ano, coa magna exposición sobre o escultor Failde.

Casas grandes:

Casa grande das Capelas, do século XVII, segunda metade, século XVIII, na actualidade magníficamente restaurada. O nome posiblemente aluda a dotación dunha fundación do século XVII dunha capelanía na parroquial de Vilamarín. Documentalmente e por tradición oral sábese que unida a esta casa estaba o souto de Gosende. A principios do século XX é xa de propiedade particular e funciona nas súas dependencias unha escola pública, con clases de nenos e nenas. Destaca no conxunto a súa ampla solaina.

Casa grande en Vilamarín, unida a actual rectoral. É a casa construida polo abade Bermúdez de Castro no século XVIII para residencia dos capeláns. Destaca en todo o conxunto a airosa e monumental cheminea, correspondente a unha boa cociña con “lareira” e a escaleira de pedra de acceso á casa.

Casa grande de Don Alvaro e Don Higinio, no pobo de Vilamarín. Totalmente arruinada. Obra do século XIX, destaca a impresionante cociña con “lareira”, que se manifesta ó exterior nunha espléndida e artística cheminea con tipoloxía de Pazo.

Casa grande do presbítero don José María Guzmán Novoa e na actualidade dos seus herdeiros. No lugar de Vilamarín. É edificio que se organiza ó redor dun gran patio. Diversas dependencias con entradas dende unha ampla solaina corrida. Recentemente reconstruida.

Casas de arquitectura popular:

Na actualidade, Casa da Asociación de Veciños. Ano 1933, no lugar de Vilamarín. Edificio de cadeirado con corredor ó que se sobe por escaleira de pedra. Típica construcción ó carón da estrada local, é unha mestura de arquitectura popular típica e propia do mundo rural ás que engade a dun mundo urbano. Restaurada e perfectamente conservada.