San Salvador de Río de Vilamarín, San Salvador de Río Búbal ou San Salvador de Río de Barbantes, tres denominacións que aparecen nos libros parroquiais desta freguesía. Dende o punto de vista do seu patrimonio salienta arquitectónicamente a igrexa parroquial, da que non coñecemos prácticamente máis que pequenas citas-datos consignados nos libros de fábrica. Na actualidade, na capela maior da igrexa hai un retablo, procedente da Casa Grande de Gayón en Trasalva (Amoeiro), que ostenta o escudo heráldico desta Casa. A igrexa actual é de nave única, con sancristía e presbiterio ou capela maior de máis altura que a nave. Fachada sinxela con espadana. Destacable é o seu retablo maior, nun estilo barroco discreto, pero cun interesantísimo programa iconográfico en alusión a María, no ático e en relación con pasaxes do Libro de Job, na predela (Job no esterqueiro é tentado e martirizado polo diaño, entre outros motivos), e relevos tamén alusivos a Fuxida de Exipto, de Santa Marina e Santa Eufemia, en relación coa Conversión de San Paulo no Camiño de Damasco, etc… Tamén resultan interesantes os relevos do seu sagrario, que presentan tres escenas do Antigo Testamento en prefiguración da Eucaristía: Sacrificio de Isaac, Abel e Melquisedec.
Ermidas:
Segundo sinalan os libros parroquiais, hai dúas ermidas no territorio desta parroquia. A capela de San Roque, en Río, sinxela na estructura do seu edificio, que loce espadana e contén a talla popular en madeira de San Roque, obra barroca de fináis do século XVII e comezos do século XVIII. E a capela da Ascensión, nun descampado do lugar de Cibrán, tamén de arquitectura popular, lucindo un retablo de estilo neoclásico do século XIX. Denotando a antigüidade deste edificio, consérvase, no seu interior, unha pía pétrea de auga bendita, en estilo gótico, obra do século XIV, de gran interese artístico.
Castros:
De Río, ó lado do Rio Barbantiño, non lonxe do lugar de Sestelos. Conserva restos das súas murallas. No ano 1956 apareceu neste castro unha cabeza de pedra, datada en época romana. Este depósito arqueolóxico sufríu importantes destruccións. Os veciños da zona coñecen este castro co nome de “Aira dos Mouros”.
Petos de Animas:
No lugar de Chouzana. Interesante e curiosa obra de arte popular. Situado antigamente nunha intersección de camiños, lugar habitual de localización destes sinxelos edificios, hoxe loce a carón dunha casa.
Cruceiros:
Un, nas inmediacións da igrexa, no camiño que leva a ermida de San Roque.
Hórreos:
Abundantes nesta parroquia. Destacan, un do século XIX no contorno da Casa Grande de Cibrán. Outro de cinco corpos na localidade de Barbantes, con eira diante. Significativo é tamén o situado á entrada da localidade de Río.
Fontes:
No lugar de Chouzana. De pedra e popular.
Fornos:
Había un no lugar de Chouzana, hoxe desaparecido. Outro, de carácter comunal, preto á igrexa parroquial.
Muiños:
Abundantes no lugar de Barbantes.
Eiras:
Unha no contorno da Casa Grande de Cibrán e outra no lugar de Barbantes.
Casas Grandes:
Casa grande de Cibrán. Foi unha casa de gran importancia económica nos séculos XVIII-XIX. Da súa arquitectura, moi deteriorada na actualidade, salienta a súa cheminea. Diversas dependencias para os habituais usos domésticos. Hórreos.
Casas de arquitectura popular:
Unha moi próxima á igrexa parroquial, no camiño de subida a esta. E significativa a súa solaina, con repisas (“canzorros”) moi populares, de pseudo zapatas.