A consecuencia do envellecemento e a conseguinte perda de poboación, así como o abandono das actividades rurais, tanto agrícolas como non agrícolas, tales como canteiros, ferreiros, oleiros, curtidores, teceláns, etc., as formas de vida tradicionais que representan os signos de identidade da cultura da nosa rexión vense ameazados polo esquecemento. Para rescatalos do seu triste destino, conservalos e estudalos para poder legar ese coñecemento ás futuras xeracións, o Concello creou o Museo Etnográfico. En efecto, a súa visita permitiralle facer unha viaxe no tempo, e como tentación vexa o seguinte avance.
Unha das actividades rurais máis complexas e que máis instrumental requiría era o cultivo do liño e o seu proceso de elaboración para usalo como tecido. Tiña fases individuais e fases colectivas que requirían a participación de todo o pobo. Isto tamén acontecía con outros cultivos como, por exemplo, o do centeo e o do trigo. Estas actividades colectivas desenvolvíanse nun ambiente festivo que tiña a súa culminación nos fiadeiros. Fundamentais eran tamén o cultivo do millo e da pataca.
Non podemos esquecer outras actividades non menos importantes como a laboriosa cultura do viño e a augardente. Outra labor fundamental era o cultivo da horta, que proporcionaba ás familias a maior variedade de alimentos, pois nela obtíase a verzas, leitugas, tomates, repolos, pementos, cebolas, allos, xudías, fabas, nabizas, cabazos, pepinos, espárragos, apios e, incluso, tabaco. Unha máis, xeralmente pouco apreciada na nosa cultura, salvo no caso da castaña, importantísima ata a chegada da pataca, era o coidado das árbores froiteiras. Estes cultivos eran secundarios, e estaban destinados a satisfacer apetitos larpeiros de raparigos e maiores; podemos destacar a mesma castaña, os figos, as mazás, as peras, as cereixas, as abelás, as noces, os pexegos, as laranxas, sen esquecer outros como as fresas, os amorodos, e as propias amoras.
Todo era aproveitado, e semellaba que todo estaba destinado a unha finalidade concreta. Por exemplo, no caso das árbores, o castiñeiro, pola súa resistencia á humidade e aos bichos, empregábase para facer arcas, vigas, chans e o carballo, tamén pola súa resistencia e duración, era empregado para facer carros, arados, mangos de ferramentas; dos buxos facíanse pratos, cuncas...; do bidueiro tallábanse xugos, eixes dos carros, e plataformas dos zocos; do sobreiro facíanse corchos; das varas de lavanda facíanse variñas para os teares; o vimbio traballábase en cestería.
Igualmente, algunhas plantas, aparentemente improdutivas, tiñan aplicación no mundo rural. O toxo servía para facer esterco ou usábase como combustible nos fornos; co breixo xerábase carbón vexetal; coas xestas e os fieitos facíanse vasoiras e cepillos.
Pero tan importante como atender as actividades agrícolas era atender á casa. Este apartado requiría tamén de moitas ferramentas, e máis variadas, se cabe, que as anteriores. De aí a transcendencia dos oficios. Case a totalidade dos utensilios que se poden admirar no Museo están feitos polas mans expertas dos nosos obreiros, cada un na súa especialidade. Cómpre destacar tres sectores: a madeira, a pedra e o metal. Cada sector estaba composto polos distintos gremios agrupados por especialidades. Así, o sector da madeira, abarcaba serradores, carpinteiros, ebanistas, fragueiros (facían carros do país), cuberos (cubas e toneis), zocos, torneiros, cesteiros, … O sector da pedra abarcaba pedreiros, canteiros, albaneis, teceláns, … A industria do metal estaba composta por ferreiros, ferradores, xastres, … Había outros oficios que se foron perdendo antes, como o de coireiros ou curtidores, hervidores, carvoeiros, os que facían a augardente, e como non, os afiadores ourensáns, trotamundos por excelencia.
Manter este patrimonio material e instrumental é unha das tarefas principais do Museo, pero non a única, pois aínda hai outra non menos importante que atinxe ao patrimonio inmaterial. Dentro deste ámbito incluímos lendas, tradicións e costumes narradas polos seus propios protagonistas e que corren serio perigo de esquecemento, ao non estar escritas.
No ano 1996, coa colaboración desinteresada dos habitantes do concello, recompiláronse 726 pezas, entre elas apeiros de labranza ou utensilios para a preparación do liño, máquinas de coser, etc. Unha vez restauradas e rematado o Edificio Multiusos, trasladáronse e expuxéronse 455 pezas que se exhiben de forma permanente.