Patrimonio
Este capítulo é verdadeiramente suxestivo para aquelas persoas que desexen coñecer a riqueza do seu patrimonio local e para aquelas outras que, amantes da cultura da súa rexión, o desexen visitar. En termos globais, e para este concello, é necesario salientar a riqueza da paisaxe incardinada nunha xenerosa natureza, sen esquecer a importancia e valoración dos seus importantes depósitos arqueolóxicos. Á hora de sinalar o máis significativo en relación cun patrimonio civil e eclesiástico, que é preciso coidar e respectar, nada mellor, e para unha maior claridade expositiva, que referencialo e concretalo en cada parroquia respectiva, correspondentes ó arciprestado de Vilamarín.
Santa Baia de Boimorto
Consta documentalmente a existencia no territorio dunha primitiva e sinxela igrexa parroquial de tradición románico-gótica. No ano de 1728, reunidos os veciños da freguesía, acordan que se reedifique “a cimentis”, é dicir, a igrexa na súa totalidade, por ser “vella, pequena e pouco capaz”. Así no ano 1734, a nova igrexa parroquial, que en esencia é a actual conservada, remata a súa construcción. O templo, situado no lugar de Boimorto, é de cantería, dunha nave, con capela maior (presbiterio) máis elevada, de planta cadrada e cuberto a catro augas. Ten sancristía a carón do Evanxeo. Fachada lisa con dous ocos na espadana, rematada con frontón triangular. O retablo maior é de época barroca avanzada, con estípites. Os laterais son de estilos historicistas (neogóticos), de principios do século XX. Do conxunto de imaxes destacan a da Inmaculada, obra barroca contemporánea do retablo maior, representada pisando ó dragón infernal (o diaño).
Iglesia de origen románico-gótico que evoluciona en su fachada a barroco rural. Realizada en cantería, de una nave, con capilla mayor (presbiterio) más elevada, de planta cuadrada y cubierto a cuatro aguas. Fachada con puerta adintelada y rematada con espadaña con frontón triangular con cataviento.
Ermidas:
Capela da advocación da Nosa Señora da Esperanza, no lugar de Ermida-Bouzas, da que se posúen noticias históricas da súa existencia dende o ano 1678.
Cruceiros:
Un próximo á igrexa parroquial co seu “pousadoiro” (mesa de pedra), para colocar o Santísimo na procesión do Corpus. É obra popular do século XIX.
Cruceiro de cuatro peldaños, pequeño pedestal, fuste cilíndrico y capitel geométrico y cruz sencilla. Pequeño banco sobre pedestal.
|
Hórreos:
Abundantes en toda a parroquia. Moi interesantes e de arquitectura popular, obras do século XX, na localidade de Bouzas.
Fontes:
Do primeiro cuarto do século XX no Campo de Bouzas, onde tamén se conserva un palco, obra de arquitectura funcional e construcción recente e coa lenda: “Asociación Xuvenil Virxe da Esperanza: Bouzas”.
Eiras:
Comunal, no lugar de Bouzas.
Casas grandes:
Casas Grandes dos Pernas, no lugar de Bouzas. Dúas casas de bo cadeirado, separadas polo camiño de acceso á estrada xeral Ourense-Santiago.
Casas de arquitectura popular:
Casa de Silvaboa, no lugar de Bouzas, magníficamente restaurada, con forno e solaina.
Alpendres:
No Campo de Bouzas. Construcción popular usada nas feiras como lugar improvisado no que se ofertaban roupas…, ademáis de servirlle de albergue ás polbeiras. A saída de Boimorto, chama a atención un palleiro, incardinado nunha natural vexetación que o rodea.
Santa Baia de León
A súa igrexa é de orixe románica, segundo se manifesta pola súa cruz antefixa, que loce o edificio actual na súa cabeceira, ademáis dunha ara romana, que serve de pé de altar. Esta antiga igrexa vai a renovarse na segunda metade do século XVIII.
A igrexa parroquial actual, no lugar de Agromaior, presenta nave única e capela maior, cuberto, todo isto, a dúas augas. A fachada, de porta alintelada, con espadana de dous ocos rematada en frontón triangular, ten respectivas pirámides con bolas nos extremos. O retablo maior é obra anónima do século XIX, que contén interesantes imaxes de arte popular de Santa Baia, San Victorio, San Roque, Santa Catarina, San Caetano e a da Virxe do Carme.
|
Cruceiros:
Próximo ó edificio eclesial, cruceiro do século XIX. De un peldaño, tosco pedestal, fuste chafranado, capitel de tres pequeños cuerpos y cruz sencilla.
Deste mesmo século é outro cruceiro na estrada que leva ó pobo de Vilamarín.
Hórreos:
Frecuentes e populares en toda a parroquia. Destaca sobre todos eles o da Casa Grande do Cepedo, de sete corpos ó exterior e seis na súa disposición interior, xa que ó sétimo corpo se accede por escaleira que distribúe a entrada ós corpos laterais (tres por lado). É de 1857, segundo inscrición gravada na súa parte lateral.
Eiras:
Na Casa Grande do Cepedo, diante do hórreo. Perfectamente conservada.
Casas Grandes:
Casa Grande do Cepedo. De gran antigüidade, documentada dende os anos fináis do século XV, aproxímase, pola súa disposición estructural e constructiva, a un sinxelo pazo rural. Esta casa estivo sempre en poder da familia Taboada.
Casa Grande da Pousa. Dispomos de moi poucos datos desta casa, ligada tamén á familia Taboada.
Casa Grande do Val.
Casas de arquitectura popular:
Moi achegadas á Casa Grande do Cepedo, salientan, polo seu valor etnográfico, dúas pequenas casas, provistas de corredor con balaústres de madeira e escaleiras de pedra, conservadas no seu estado orixinal no momento actual.
Casa do Modesto da Seara, na localidade de A Pica. En pedra de cadeirado, tivo magnífica cheminea tipo pazo, ademáis de forno. Na actualidade as súas dependencias organízanse en torno a un patio interior, tipo “curro”.
Santa Mariña de Orbán
A súa igrexa, de tradición medieval, conserva desta época tres canzorros (exterior, lado esquerdo) e o arco triunfal de acceso á capela maior, gótico, con columnas que levan capitéis de tipo vexetal. Un miliario, custodiado na Casa Rectoral, fala da súa poboación na época romana, ó igual que os moi romanizados castros de Marcelle e Frameán, en Toldavía.
A igrexa parroquial actual, en pedra, ten nave e capela maior. A súa fachada é moi sinxela, con espadana de dous corpos, rematado o segundo cunha cruz de ferro. Está cuberta a dúas augas. O seu retablo maior, en estilo neoclásico, século XIX, contén interesantes imaxes da patroa e de San Roque. Ademáis, no ático deste retablo locen unhas pequenas imaxes de San Bieito e San Xoán Bautista. A antiga imaxe de Santa Mariña, pisando o dragón infernal, consérvase sobre unha peaña, na nave. A parroquia dispón de tres petos esmoleiros de arte popular (de San Antón, das Ánimas e do Santísimo). Na capela maior, pía de auga bendita de tradición medieval, posiblemente a orixinal da época da igrexa medieval.
Santa Maríña de Orbán
Iglesia de una nave y capilla mayor. Su fachada es muy sencilla, típica del barroco rural gallego, construida en el siglo XVIII con puerta adintelada y espadaña de dos cuerpos, rematando el segundo con una cruz de hierro. En el interior destaca el retablo mayor de estilo neoclásico del siglo XIX.
Castros:
Castro de Frameán, en Toldavía. Cuberto pola maleza, dispón de foxo e covas. A xente do lugar chámalle a este castro, “Cova da Moura”.
Castro de Marcelle. Cuberto tamén pola maleza e bosque. Dispón de foxos e sinxelos restos de murallas.
Petos de Animas:
Había un, hoxe desaparecido, no lugar de A Raña, con data constructiva de 1804. Consérvase, sen embargo, outro curioso e moi popular, lucindo un relevo da Virxe e unha talla mutilada, en pedra, de Santa Bárbara.
Cruceiros:
Diante da igrexa, no Campo, do século XIX, con mesa de pedra (pousadoiro).Fuste cilíndrico en su parte central, y paralepípedo en los extremos. Capitel geométrico y cruz con los extremos refundidos.
Altar a su lado apoyado en dos balaustres piramidales.
Hórreos:
Destacan na parroquia os conservados no pobo de Orbán, incluíndo o do seu Pazo-Palacio. Tamén os conservados na localidade de Penela e Marcelle.
Fontes:
No lugar de Penela.
Muiños:
Abundantes. Salienta o conservado no lugar de Xagrade.
Pazos:
Pazo-Palacio de Orbán. É unha construcción ligada ó mundo medieval. Ó parecer, foi reedificado na segunda metade do século XVII, data da que é a súa ampla e barroca solaina balaustrada. Portalón de acceso á Casa-Pazo, alintelado, con labra heráldica. Destacan a súa cociña, con ampla “lareira” e as distintas dependencias, entre elas unha significativa: “o salón do rei”. Mª Teresa Rivera xa na súa obra clásica “Los Pazos Orensanos”, explica o sentido deste salón, ó indicar que Carlos V e a súa nai, Dona Xoana, Ile concederon un privilexio a D. Lope e D. Galaor Taboada de Lemos, ós que, a cambio dos seus servicios na guerra, se lles concedeu a incorporación ó patrimonio real, de toda a casa, xurisdicción e bens de Orbán, nomeando a D. Lope e ós seus sucesores, administradores perpetuos deste privilexio, á condición de que constrúan no territorio xurisdiccional unha casa forte-fortaleza, capaz de apousentar ó rei coa súa corte, como así o fixeron. O edificio, en pedra de cadeirado de granito nas súas partes nobres, e noutras, de cachotería, ten dúas significativas e esveltas chemineas. Dispón de capela-oratorio, remodelada no ano 1718. Recentemente, esta casa-palacio foi acertadamente reconstruida.
Casas de arquitectura popular:
Unha no lugar de Penela. Ten solaina sinxela e escaleiras de pedra. Importante polo seu valor etnográfico, facendo conxunto coa fonte e o hórreo. Tamén é moi significativa e con alto valor etnográfico a conservada no lugar de Marcelle, á entrada do pobo, co seu hórreo próximo. Ten solaina e escaleiras de acceso, de pedra. Este conxunto está prácticamente en ruína.
San Xosé de Pazos do Monte
Parroquia creada no ano 1958. A igrexa actual, dunha nave, e de estilo funcional, propia dunha construcción do século XX. Ten torre cadrada. No seu interior son de salientar as imaxes dun Crucificado e un San Xosé, obras do escultor Aldrei. Interesante sagrario con esmaltes.
San Xosé de Pazos de Monte
Iglesia de una nave, es de estilo funcional, propia de una construcción del siglo XX. Tiene torre cuadrada.
Ermidas:
No lugar de San Martiño, capela privada da Casa-Pazo de San Martiño, en estado de abandono. Sobre o seu lintel, lese: AÑO DE 1852. DOMUS MEA, DOMUS ORATIONIS BOCABITUR. DN RAMON DE VILLARINO E SU ESPOSA DO CARLOTA AGUERO, FUNDARON.
Hórreos:
Interesante conxunto de hórreos populares no lugar de Portamieiro. Tamén en Pazos do Monte.
Fontes:
En Pazos do Monte, en pedra. Popular.
Eiras:
En Pazos do Monte, Portamieiro e Delvezón.
Fornos:
No lugar de Pazos do Monte.
Muiños:
Do Estudiante. Moi interesante e de alto valor etnográfico, conservado en Pazos do Monte. Tres muiños, tamén de carácter singular, no lugar de Portamieiro e outro en Delvezón.
Casas Grandes:
En Pazos do Monte, casa brasonada “do Estudiante”, con labra armeira do século XVII, segunda metade. Este edificio axústase, na súa disposición arquitectónica, á planta común deste tipo de construccións.
En San Martiño, casa fidalga, en mal estado de conservación. Dispón de oratorio adxunto, en estado de ruína.
Casas de arquitectura popular:
Unha, no lugar de Delvezón, en pedra de granito. Ano 1885, escrito no lintel.
Casa de D. Manuel Vázquez (“0 Meriz”), na localidade de Portamieiro. Obra en pedra de “perpiaño”, con balconada de ferro e magnífica solaina. E, desde logo, un conxunto de arquitectura popular importante dende o punto de vista etnográfico. Ano 1927.
San Vicente de Reádegos
Moi poucas noticias-datos artísticos facilitan os libros de fábrica desta freguesía. O seu territorio estivo poboado dende épocas moi antigas, sobre todo na época romana. Desta antiguidade fala o Castro de Santa Agueda, que conserva restos de murallas e foxos e unha ara da época romana, conservada na ermida de San Pedro. No mundo medieval construirase neste territorio unha pequena igrexa, parcialmente conservada na actualidade por terse modificado ó longo dos séculos, sobre todo nos XVI e XVII, mais concretamente no ano 1689, no que se reedifica o arco da capela maior e se calea o edificio eclesial.
No primeiro cuarto do século XX constrúese unha nova igrexa no lugar de Pena, de planta rectangular, con fachada sinxela e espadana de dous ocos, é obra do arquitecto Gulías. Dispón dun retablo maior de estilo neoclásico, século XIX, que, ó parecer, procede da primitiva igrexa medieval que os franciscanos da cidade de Ourense tiñan no Convento de San Francisco. Loce este retablo bos relevos, destacando os de San Miguel e San Caetano. Importantes e de mérito artístico son unha serie de imaxes, como as de San Vicente, San Lourenzo, San Pedro sedente na súa catedra e San Xerome penitente.
San Vicente de Reádegos
Iglesia construida en la primera mitad del siglo XX. Edificada en piedra, de planta rectangular con fachada sencilla y espadaña de dos huecos, es obra del arquitecto Gulías, en el año 1920
Ermidas:
Na Santa Visita de 1692 sinálase que no termo parroquial hai dúas ermidas: a de San Pedro, no lugar do seu nome e a da advocacion de Santa Adega, no Castro do seu nome. Únicamente se conserva na actualidade a primeira. Esta ermida de Santa Adega, nacida para cristianizar un lugar de culto pagán (Castro de Santa Adega), documéntase xa no ano 1609. Interesa resaltar que na ermida de San Pedro se custodia, como xa se indicou, unha ara romana e unha imaxe barroca pequena e popular deste santo, ó que se lle invoca e sácase a porta da ermida en momentos de ameaza de tormentas.
Castros:
Se encuentra en la parroquia de San Vicente de Reádegos. El Castro está cercado por un montículo de cinco metros de altura que se alarga en un terraplén. Discurre a sus pies un foso de ocho metros de altura. En medio del recinto se ven los restos de la antigua capilla.
Cruceiros:
Enfronte a fachada da igrexa nova, popular, do século XX. Plataforma con tres peldaños, pequeño pedestal, fuste cilíndrico y chapitel geométrico con cruz encima.
Hórreos:
Diversos e populares no lugar de A Pena. Tamén de carácter popular en Toldavía. Interesantes e tamén populares no contorno da ermida de San Pedro.
Fontes:
No lugar de A Pena, a beira da estrada nacional, que une Ourense con Lugo. En pedra. A súa arquitectura é funcional e típica desta clase de fontes con pío e fronte tipo entaboamento, con cano. Tamén unha de época recente (1955) no lugar de A Ría, conserva unha inscrición (H S L C) e o motivo alusivo e en pintura do “xugo e as frechas”.
Muiños:
Un, no lugar de A Ría.
Casas Grandes:
No lugar de A Pena. Antiga Casa Consistorial e antiga escola, construida polas aportacións dos emigrantes de Vilamarín residentes en Cuba e Bos Aires.
Casa no lugar de O Pilo, con serradoiro incorporado. Obra de 1924, dispón dunha boa galería acristalada.
Casa grande dos Vicentiños, no lugar da A Pena. En pedra de cadeirado, balcón corrido, dependencias diversas para os usos domésticos. A súa primitiva edificación, conservada, foi ó carón dunha gran pena (“a pena”). Dispón de hórreo. Tiña eira e pozo, na actualidade desfigurados e tapados. A antiga propiedade está hoxe dividida entre diversos herdeiros.
Casas de arquitectura popular:
No lugar de A Pena, casa de pedra de cadeirado irregular, destacando o seu balcón-corredor de ferro, que descansa sobre repisa de pedra. Obra do século XIX.
No mesmo lugar de A Pena, casa de Don Constantino Anel, hoxe propiedade da familia ourensá, Bermello. É o tipo de casa-chalé, propia do que Xoaquín Lourenzo chama das “veira rúas”, é dicir, aquelas que copian coa súa modestia constructiva as casas-chalé das vilas e cidades. Foi edificada no ano 1923.
Tamén tivo importancia económica, no seu momento, a Casa da Ría. Máis concretamente esta Casa é unha reunión de edificios de arquitectura popular, interrelacionadas entre sí e case configurando unha Casa Grande. O conxunto está localizado ó final do pobo. Ten diante un hórreo.
San Salvador de Río
San Salvador de Río de Vilamarín, San Salvador de Río Búbal ou San Salvador de Río de Barbantes, tres denominacións que aparecen nos libros parroquiais desta freguesía. Dende o punto de vista do seu patrimonio salienta arquitectónicamente a igrexa parroquial, da que non coñecemos prácticamente máis que pequenas citas-datos consignados nos libros de fábrica. Na actualidade, na capela maior da igrexa hai un retablo, procedente da Casa Grande de Gayón en Trasalva (Amoeiro), que ostenta o escudo heráldico desta Casa. A igrexa actual é de nave única, con sancristía e presbiterio ou capela maior de máis altura que a nave. Fachada sinxela con espadana. Destacable é o seu retablo maior, nun estilo barroco discreto, pero cun interesantísimo programa iconográfico en alusión a María, no ático e en relación con pasaxes do Libro de Job, na predela (Job no esterqueiro é tentado e martirizado polo diaño, entre outros motivos), e relevos tamén alusivos a Fuxida de Exipto, de Santa Marina e Santa Eufemia, en relación coa Conversión de San Paulo no Camiño de Damasco, etc… Tamén resultan interesantes os relevos do seu sagrario, que presentan tres escenas do Antigo Testamento en prefiguración da Eucaristía: Sacrificio de Isaac, Abel e Melquisedec.
San Salvador de Río
Iglesia de nave única, con sacristía y presbiterio o capilla mayor de más altura que la nave principal. Fachada sencilla con espadaña rematada con frontón triangular con cataviento. Destaca en el interior el programa iconográfico de su retablo mayor, de estilo barroco.
Ermidas:
Segundo sinalan os libros parroquiais, hai dúas ermidas no territorio desta parroquia. A capela de San Roque, en Río, sinxela na estructura do seu edificio, que loce espadana e contén a talla popular en madeira de San Roque, obra barroca de fináis do século XVII e comezos do século XVIII. E a capela da Ascensión, nun descampado do lugar de Cibrán, tamén de arquitectura popular, lucindo un retablo de estilo neoclásico do século XIX. Denotando a antigüidade deste edificio, consérvase, no seu interior, unha pía pétrea de auga bendita, en estilo gótico, obra do século XIV, de gran interese artístico.
Castros:
De Río, ó lado do Rio Barbantiño, non lonxe do lugar de Sestelos. Conserva restos das súas murallas. No ano 1956 apareceu neste castro unha cabeza de pedra, datada en época romana. Este depósito arqueolóxico sufríu importantes destruccións. Os veciños da zona coñecen este castro co nome de “Aira dos Mouros”.
Petos de Animas:
No lugar de Chouzana. Interesante e curiosa obra de arte popular. Situado antigamente nunha intersección de camiños, lugar habitual de localización destes sinxelos edificios, hoxe loce a carón dunha casa.
Cruceiros:
Un, nas inmediacións da igrexa, no camiño que leva a ermida de San Roque.
Hórreos:
Abundantes nesta parroquia. Destacan, un do século XIX no contorno da Casa Grande de Cibrán. Outro de cinco corpos na localidade de Barbantes, con eira diante. Significativo é tamén o situado á entrada da localidade de Río.
Fontes:
No lugar de Chouzana. De pedra e popular.
Fornos:
Había un no lugar de Chouzana, hoxe desaparecido. Outro, de carácter comunal, preto á igrexa parroquial.
Muiños:
Abundantes no lugar de Barbantes.
Eiras:
Unha no contorno da Casa Grande de Cibrán e outra no lugar de Barbantes.
Casas Grandes:
Casa grande de Cibrán. Foi unha casa de gran importancia económica nos séculos XVIII-XIX. Da súa arquitectura, moi deteriorada na actualidade, salienta a súa cheminea. Diversas dependencias para os habituais usos domésticos. Hórreos.
Casas de arquitectura popular:
Unha moi próxima á igrexa parroquial, no camiño de subida a esta. E significativa a súa solaina, con repisas (“canzorros”) moi populares, de pseudo zapatas.
San Xoan de Sobreira
Analizando os datos facilitados polos libros parroquiais desta freguesía atopamos, alomenos, cinco fases constructivas e de ornato retablístico, para a súa igrexa parroquial. Unha primeira etapa, indocumentada, configura un edificio medieval, do que na igrexa actual se conserva un Agnus Dei. Documentalmente consta que no ano 1600 se fai un retablo para esta igrexa, tomando como modelo o próximo da parroquia San Cibrán de Rouzós, retablo que será pintado no 1605 polo importante pintor, de orixe portuguesa e veciño da cidade de Ourense, Froitoso Manuel.
Nestas datas o territorio desta freguesía é lugar importante, xa que por aquí pasaba o Camiño de Santiago, que nos deixou como lembranza a Ponte de Sobreira, conservada na actualidade, ainda que modificada na súa estructura orixinal.
Aproximadamente no ano 1670, comeza unha nova etapa constructiva, cremos que de consolidación da vella igrexa medieval, xa que se edifica de novo unha sancristía, colocanselle unhas portas ó edificio eclesial, lóusase o coro e límpase o muro do adro.
No 1741 comézase a reedificación da igrexa, que configura o edificio actual, con obras que se fan ós poucos.
Deste xeito, no ano 1777 o abade de Sobreira, Jose Antonio Verea y Aguiar, atopa a igrexa reestructurada e reedificada, ademáis de perfectamente acondicionada.
É de sinalar que despois do 1853, ano no que se demoleu a capela ourensá da Madalena, o seu retablo, debidamente adaptado, foi instalado nesta parroquia por orde do Marqués de Camarasa. É o retablo que loce a igrexa na actualidade, obra do século XVIII de taller dos seguidores do famoso escultor ourensán Castro Canseco.
A actual igrexa parroquial conserva o Agnus Dei medieval. Fachada simple, con espadana de dous corpos. O seu retablo maior conserva relevos alusivos á vida de San Xoán Bautista, sobre todo á escena do seu martirio. Na predela, relevos do bautismo de Cristo e da súa transfiguración. Boa imaxe barroca de San Xoán presidindo o retablo. Curiosa pola sua iconografía é a imaxe barroca de San Antón de Padua, na que o Neno Xesús lle quita o pan do seu zurrón. Interesante, tamén, e outra talla barroca de Santo Tomé de Aquino.
Ermidas:
Os libros de fábrica respectivos falan dunha ermida da advocación de San Adrián, no lugar de Arbor, que se conserva na actualidade. Indícase que no ano 1670 se arranxa e repara, o que obriga a supola existencia dunha ermida de data anterior. Curioso, pola súa iconografía popular, resulta un peto de esmolas en honor a Virxe do Carme, ademáis dunha figura pétrea fragmentada de San Adrián, posible obra de fináis do século XV, primeiros anos do século XVI.
Capela particular, oratorio, da advocación de San Xosé, no Pazo do Rego.
Cruceiros:
Un, no Pazo de Rego, en Sobreira. Outro, popular, do século XIX, no lugar de Xen.
Hórreos:
Moi diversos nas súas tipoloxías dentro desta parroquia. Destaca un conxunto no lugar de Arbor. Outro de cinco corpos, no Pazo do Rego. Tamén son interesantes os conservados no pobo do Xen.
Muiños:
Un moi significativo e propio do Pazo do Rego, a carón do río Barbantiño. Perfectamente restaurado, ten pío e tres moas.
Ponte:
En el antiguo Camino de Ourense a Santiago sobre el río Barbantiño, entre los ayuntamientos de Vilamarín a Cea, se levanta este puente de arco único ligeramente apuntado, con multitud de marcas de los canteros conservadas en sus piedras. Se puede fechar en el siglo XIII o XIV. En el siglo XVIII tiene una reconstrucción como atestigua la inscripción que presenta en el “peitoril” del puente por su parte interior.
De Sobreira, sobre o río Barbantiño. Por aquí pasaba un dos Camiños de Santiago. A ponte de orixe medieval, como se pon de manifesto por diversas marcas de canteiros, conservadas nas súas antigas pedras, foi remodelada no século XVIII, segundo se manifesta nunha inscrición recentemente recuperada, na que se le: ESTA M.DO REDIFICAR EL SR. D. JOSEPH DE ABILES INT. G.L DESTE R.NO ANO DE 1755.E obra de boa cantería, perfectamente conservada na actualidade.
Pazos:
Pazo do Rego. Emprazado dentro dun amplo terreo edificable e, por ende, illado do núcleo rural. Construcción de cadeirado granítico con data do ano 1762. Fachada principal con frontispicio barroco na súa porta de acceso, lucindo labra heráldica coas armas dos Enríquez, Mosquera e outras non identificadas. Ten capela-oratorio con espadana, da advocacion de San Xosé, cruceiro, importante hórreo, pombal e muiño. Patio interior, que loce solaina. Diversas dependencias e salóns. Actualmente, a propiedade pasou a unha Sociedade, que o dedica á explotación agraria.
Casas de arquitectura popular:
No lugar de Sobreira consérvase unha casa perfectamente restaurada, que na súa planta circular lembra ás construccións dos castros. Tamén neste lugar se conserva unha casa de pedra en cachotería, que loce solaina apoiada en ménsulas de pedra sostidas por columnas pétreas. Ten dous hórreos, un deles moi deteriorado, e forno, ademáis de diversas dependencias que no seu momento acubillaron ó gando. Estado xeral de semiabandono para todo o conxunto.
Santa María de Tamallancos
A igrexa parroquial da advocación de Santa María é edificio que sufríu diversas etapas constructivas e de consolidación ata configurar a igrexa actual, totalmente remodelada gracias ó paciente labor dos veciños desta parroquia, mobilizados polo xove e culto profesor de Vigo , D. Manuel Boveda Hermilla, no ano 1994.
A igrexa orixinal, de tradición románico-gótica, da que actualmente se conserva un Agnus Dei no testeiro do templo, vai a ser substituida por outra entre o 1523 e 1530, segundo inscricións conservadas. A data de 1530 marca a finalización da nova obra, na que, con seguridade, se construiu a capela maior cuberta con airosa bóveda de crucería, conservada, e o que na actualidade é sancristía, baixo labra armeira dos Novoa, se le: EN EL NOMBRE DE DIOS ESTA OBRA MANDO AZER P(edro) DE BO/VEDA CLERYGO DESTA YGLESIA DE SANTA MARYA DE / TAMALLANQOS E DE SANT CIBRAO DE ROUÇOS: YJO DE / TRISTAN DE NOBOA E DE TERESA VAZQUEZ DE TOU/BES: YZOSE NO ANO DE MIL E D: XXX ANOS.
No ano 1700, a igrexa está mal acondicionada e é necesario acometer obras de reparación e afianzamento. Faise o púlpito de madeira, ábrense ventás no corpo do edificio, alóngase a súa nave ou corpo, constrúese a tribuna e a súa escaleira, ensánchase a porta da sancristía. A fináis do século XIX fanse novas reconstruccións estructuráis. Chega así o edificio da igrexa ata o ano 1975, no que se constrúe outro novo edificio eclesial independente. O edificio da antiga igrexa parroquial, cun mínimo culto, vai degradándose progresivamente, ata que no ano 1994 os veciños da freguesía o restauran íntegramente.
Na actualidade, a igrexa é froito, como vimos, dunha serie sucesiva de restauracións e modificacións. Salienta, arquitectónicamente, a sua capela maior, orixinal e prácticamente inalterada ó longo dos tempos, cuberta con bóveda de crucería con floróns nos que locen motivos floráis diversos, predominando a flor de lis e tamén o anagrama de Xesús. Destaca o seu retablo maior, barroco, con columnas salomónicas e posiblemente obra de Castro Canseco ou o seu taller, primeiro cuarto do século XVIII, ainda que modificado posteriormente. Interesante relevo da Asunción da Virxe, no ático. A fachada da igrexa é moi sinxela, con porta simple, de arco de medio punto. Obsérvanse decoracións de bolas do século XVI e nunha inscrición, pouco lexible, fálase da construcción no ano 1523. Ten espadana, do século XVIII, de dous corpos.
Iglesia de origen románico-gótica, de la que en la actualidad se conserva un Agnus Dei en la fachada posterior, reformándose la iglesia entre el 1523 y 1530, según las inscripciones conservadas. La capilla mayor está cubierta con bóveda de crucería. En el interior se conserva un escudo de armas de los Nóvoa con una inscripción debajo. De esta capilla mayor -presbiterio- se accede a través de un arco de medio punto decorado con una arquivolta a todo él decorada con bolas, pasándose al cuerpo de la iglesia de nave única, que se cerraría con una fachada sencilla con espadaña con cataviento y decorada en los laterales con pináculos rematados en forma de tulipanes.
Igrexa nova: obra sen estilo definido, do ano 1975; conserva parte das imaxes da antiga igrexa parroquial: San Roque, San Caetano, San Antón de Padua e a imaxe da patroa. Conserva, tamén, un peto esmoleiro, de arte popular.
Petos de ánimas:
Un, sinxelo, moi interesante na súa disposición arquitectónica e sen relevo. Cun lugar de localización descoñecido, foi situado recentemente no cemiterio da igrexa vella, á entrada. Obra do século XIX, primeiro cuarto do XX.
Cruceiros:
Interesantes cruceiros de pedra e populares. Un á beira da fonte, no lugar de Tamallancos, con mesa de pedra (pousadoiro) do século XIX. Outro no camiño de baixada a vella igrexa, tamén do século XIX. Outro máis neste mesmo camiño, obra popular de 1943.
Hórreos:
Abundantes e populares. Salientamos os do lugar de Tamallancos, sobre todo os do seu Pazo, obras populares de fináis do século XIX, comezos do século XX.
Fontes:
Unha, no lugar de Tamallancos, na desviación da estrada xeral-Camiño de Santiago. Ano 1988. Outra, con lavadoiro e de arquitectura popular enfronte ó cruceiro do camiño de acceso a igrexa vella.
Pazos:
No ano 1844 aparece nas estatísticas parroquiais o lugar de Pazo, con seis habitacións. Este pazo, no ano 1927 era propiedade dos Taboada. Edificio de cadeirado granítico. Fachada con portalón, lucindo labra armeira. Dúas chemineas ó exterior, con canos-gárgolas, deseñando un conxunto artísticamente importante. No interior salóns e diversas dependencias, destacando a solaina sobre ménsulas de pedra e a cociña con lareira, tamén de pedra, e campá apoiada sobre unha columna pétrea. Ten, o pazo, dous hórreos.
Casas Grandes:
Casa grande das Uchas. Consérvase actualmente o topónimo PONTE DAS UCHAS, lugar-zona correspondente na estrada de Ourense a Santiago. Esta Casa Grande aparece frecuentemente citada na documentación referida a esta parroquia a partir do século XVII, como casa que funda diversas capelanías na igrexa parroquial e deixa abundantes rendas para a súa subsistencia. Non fomos quen de localizala. Posiblemente non se conserve, ou, de conservarse, denomínase con outro nome. Os veciños máis anciáns da parroquia non a coñecen, nin se lembran do seu nome.
Casa grande de dona Dora. Consérvase na praza do pobo de Tamallancos. Interesante edificación, perfectamente conservada na súa estructura, dispón dunha gran solaina, balcón con reixa e magnífica cheminea. Toda ela en cadeirado granítico.
Casa grande do Brillante. Próxima á praza do pobo de Tamallancos, é unha edificación en cadeirado de granito, perfectamente restaurada e conservando a súa disposición orixinal.
Casa grande de D.Manuel Rodríguez Noguerol. Cunha tipoloxía semellante ás anteriores.
Casa grande de D. Andrés Moreno e da Sra. Mosquera Ferrando. Coa súa orixe nun antigo “mesón de arrieiros”, que se dirixían a Santiago, consérvase perfectamente na actualidade. Obra magnífica en cadeirado de granito.
Tres casas grandes situadas na estrada nacional Ourense-Santiago. Cunha tipoloxía próxima a casas urbanas pola súa localización, ainda que conservando o seu caracter rural, dispoñen de amplo terreo edificable. Perfectamente conservadas. Son das familias Hermida Cachalvite, José Mosquera e Justo Mosquera.
Casas de arquitectura popular:
Moi próxima a igrexa antiga, casa do artista Virgilio, magníficamente reconstruida.
Casa de Ramón Vázquez “do Liño”. Casa de Abellás, no lugar de Fontao. Casa do Ferreiro, en Barral. As tres perfectamente conservadas.
Santiago de Vilamarín
Territorio poboado dende a máis remota antigüidade, como se pon de manifesto pola existencia do Castro de Bainte e incluso polo propio topónimo de Vilamarín, procedente, quizáis, de “Vila Marinis”, como nome dun prócer-señor-posesor do territorio, Marinus, en epoca romana ou sueva. E indubidable que destaca, no seu patrimonio arquitectónico, a igrexa parroquial da advocación de Santiago, un edificio que sufríu, na súa estructura, diversas etapas constructivas, ata a sua configuración actual. Posiblemente a súa orixe fose na época baixomedieval, da que se conservan pequenos restos escultóricos gravados en pedras arrimadas na parte interior da torre do edificio, nun dos seus lucernarios. No século XVI esta sinxela edificación sufríu alteracións na súa capela maior, xa que no ano 1583 se documenta a construcción dun retablo maior, do que aparentemente non se conserva ren. 0 retablo era obra do escultor-entallador Roque Salgado, discípulo de Juan de Anges el Mozo.
En torno ós anos 1800-1801 ábrese unha nova etapa constructiva para o edificio eclesial, reedifícase a capela maior e a sancristía e ampliase o corpo do edificio (nave). A obra de índole artística máis importante realizada nesta época foi o retablo maior, conservado perfectamente na actualidade. Este retablo, posiblemente unha das obras escultóricas de estilo neoclásico máis importante da provincia de Ourense, é digna de ter en conta ó estudar a arte deste período en Galicia.
En torno ó ano 1881, -obras indocumentadas-, estímase a construccion da airosa torre da igrexa, ó igual que a dun cruceiro situado na praza pública, diante e próximo do edificio eclesial.
Así chegamos a última etapa constructiva do edificio da igrexa, que se inicia a partir de 1891, ano no que se arranxa o adro e se constrúe un novo cemiterio.
A igrexa parroquial actual con esvelta torre, é un edificio abovedado froito dunha serie de etapas constructivas anteriormente sinaladas. De planta rectangular, nave única cuberta íntegramente con bóveda de cañón, capela maior de planta cadrada e cuberta con bóveda de aresta e sancristía agregada, ten capelas abertas na nave. A torre é de catro corpos. No inferior estatua pétrea de San Xosé. No segundo, airosa balaustrada. O terceiro corpo copia o segundo e o último remata cun cupulín. Ó exterior da nave, cupulín-lucernario. Na parede exterior da sancristía, imaxe pétrea de Santiago peregrino. En todo o conxunto retablístico destaca o retablo maior, século XIX, obra de Manuel de Prado Marino. Dos restantes retablos destacaríamos o mandado por don Pedro Bermúdez de Castro, situado na capela lateral dereita da nave. Unha inscrición conservada no conxunto retablístico lembra e data a obra: ESTE RETABLO COAS SUAS IMAXES FIXO E PINTOU A SUA CUSTA DON PEDRO BERMUDEZ DE CASTRO, SENDO RECTOR DESTA IGREXA. ANO 1712.
Iglesia barroca del siglo XVII. Presenta una fachada con puerta adintelada decorada, en una altura superior dispone de una hornacina con una imagen de un santo (puede que San Antonio). La fachada queda rematada por una torre campanario de estilo también barroco con 3 cuerpos y balaustrada. La torre presenta diferentes tipos de arcos: en el primer cuerpo arcos apuntados, en el segundo cuerpo arcos polilobulados y en el tercer cuerpo arcos de medio punto.
Su planta es rectangular, de nave única cubierta íntegramente con bóveda de cañón, capilla mayor de planta cuadrada cubierta con bóveda de aristas y capillas abiertas en la nave . En la fachada posterior presenta una imagen en hornacina de Santiago Peregrino.
Ermidas:
Da Nosa Señora do Cibrao neste lugar. E propiedade do pobo, como se aclara na Guia eclesiástica do Clero Diocesano escrita polo presbitero natural do pobo de Vilamarin, don Jose Maria Guzman Novoa.
Outra ermida no lugar de Palacio é a capela de Pazo-Fortaleza de Vilamarín, da advocación de San Gregorio Magno e propiedade dos señores da Casa de Vilamarín. Foi edificada en estilo barroco no ano 1796 e substituiu a outra anterior situada no monte xurisdiccional deste Pazo-palacio.
Castros:
De Bainte, a trescentos metros do lugar do seu nome, no cumio do monte que fai contraforte coa Serra da Martiná. Ainda que cubertas pola vexetación, conserva restos de murallas. Preto deste castro, unha fonte.
Petos de ánimas:
No lugar de Gosende, obra do século XIX e feito de novo en 1984. Recentemente edificouse na praza do lugar de Borulfe un peto de animas en pedra, da advocación da Virxe do Rosario. A modo de capela, con mesa de pedra e nicho que garda unha imaxe moderna da Virxe do Rosario. Esta obra quere lembrar a unha antiga capela da advocación da Nosa Senora do Rosario, desaparecida en 1936 da aldea de Borulfe e que albergaba unhas imaxes da Virxe e de San Caetano, non conservadas.
Cruceiros:
Na praza pública de Vilamarín, preto do edificio eclesial. Obra importante do século XIX, con inscrición na súa basa, difícil de ler. Sen dúbida, o mellor cruceiro de todo o concello.
Hórreos:
Abundantes en toda a parroquia. Destacan os dous da localidade de Borulfe, un hórreo totalmente de pedra e monumento importante de arquitectura popular, século XIX, ademáis doutro próximo e significativo pola cruz que loce no beiril da súa parte frontal). Outro en Castiñeiras e outro conservado na praza pública da localidade de Vilamarín, século XIX.
Fontes:
Na localidade de Vilamarín, dúas fontes: “Fonte Vella” e “Fonte Nova”. Outra moi preto do Castro de Bainte.
Fornos:
No pobo de Vilamarín: comunal, de arquitectura popular.
Pazos e capelado Pazo:
Pazo-Fortaleza de Vilamarín. No lugar de Palacio. Non se sabe a ciencia certa a data de construcción deste edificio. Con toda seguridade en época medieval levantaríase unha torre-fortaleza que dominaría o territorio e con poderes xudicial e administrativo. O edificio actual, en cadeirado de granito, ainda que conservando partes da antiga fortaleza medieval, é froito de diversas modificacións ó longo dos séculos XVI-XVII-XVIII e XX. A súa planta aproxímase á figura xeométrica dun hexágono. Ten torres de defensa con matacans en sainte apoiados en ménsulas (“canzorros”): tres son de planta circular, unha semicircular e dúas rectangulares. Portalón de acceso ó edificio con barbacá e camiño de rolda. Fiestras rectangulares na súa parte alta e dúas pequenas na parte baixa. Cuberta con tella curva que se apoia en cornixa moldeada, rota por canos-gárgolas, loce dúas chemineas correspondentes a cociña e o salón. Artístico reloxo de sol no lado oeste.
O interior do edificio mostra diversas dependencias la súa parte baixa, todas elas ó redor dun patio. Calabozos (“alxubes”), na parte do soto. Escaleira de pedra de subida a parte alta, que loce dependencias diversas enlazadas entre sí. A “peza nobre” é a cociña, con “lareira” que loce campá de pedra apoiada sobre dous piares pétreos. Catro labras heráldicas amósanse no conxunto do edificio, mostrando as armas dos Vilamarín. Fóra do recinto ameado e nas inmediacións, capela da advocación de San Gregorio Magno, edificio das antigas cortes e casa que foi do mordomo. Obra recente do escultor Xosé Cid é a figura en pedra dun guerreiro, que se conserva no terreo de entrada ó recinto fortificado. Rodea toda a edificación un amplísimo campo, de natureza salvaxe, adicado a labores agrícolas e monte.
Podería establecerse a seguinte cronoloxía para este conxunto: cimentos e calabozos, século XIV. Fortaleza: cubos, portalón de entrada, camiño de rolda e torreóns, escudos heráldicos e patio, século XVI, segundo tercio. Antiga capela, despois edificio do mordomo e na actualidade casa sen uso definido, reestructuración da ala oeste do edificio, sobre todo os cubos da muralla desta zona: 1661, mestres de canteiría Domingo de Rivas, Pedro García e Antonio Rodríguez. Salóns e cociña, século XVIII, ademáis da actual ermida e posiblemente o edificio das antigas cortes. Hórreo desaparecido, conservándose únicamente os piares: século XX, primeira metade. Restauración integral do edificio: as obras comezadas en 1978 e rematadas en 1987. Inaugurouse o edificio nobre este ano, coa magna exposición sobre o escultor Failde.
Casas grandes:
Casa grande das Capelas, do século XVII, segunda metade, século XVIII, na actualidade magníficamente restaurada. O nome posiblemente aluda a dotación dunha fundación do século XVII dunha capelanía na parroquial de Vilamarín. Documentalmente e por tradición oral sábese que unida a esta casa estaba o souto de Gosende. A principios do século XX é xa de propiedade particular e funciona nas súas dependencias unha escola pública, con clases de nenos e nenas. Destaca no conxunto a súa ampla solaina.
Casa grande en Vilamarín, unida a actual rectoral. É a casa construida polo abade Bermúdez de Castro no século XVIII para residencia dos capeláns. Destaca en todo o conxunto a airosa e monumental cheminea, correspondente a unha boa cociña con “lareira” e a escaleira de pedra de acceso á casa.
Casa grande de Don Alvaro e Don Higinio, no pobo de Vilamarín. Totalmente arruinada. Obra do século XIX, destaca a impresionante cociña con “lareira”, que se manifesta ó exterior nunha espléndida e artística cheminea con tipoloxía de Pazo.
Casa grande do presbítero don José María Guzmán Novoa e na actualidade dos seus herdeiros. No lugar de Vilamarín. É edificio que se organiza ó redor dun gran patio. Diversas dependencias con entradas dende unha ampla solaina corrida. Recentemente reconstruida.
Casas de arquitectura popular:
Na actualidade, Casa da Asociación de Veciños. Ano 1933, no lugar de Vilamarín. Edificio de cadeirado con corredor ó que se sobe por escaleira de pedra. Típica construcción ó carón da estrada local, é unha mestura de arquitectura popular típica e propia do mundo rural ás que engade a dun mundo urbano. Restaurada e perfectamente conservada.
San Román de Viña
É parroquia repartida entre o Concello de Cea e o de Vilamarín, pertencendo a este último o lugar de Rozadas. A parroquia de San Román de Viña é freguesía que dependeu do Mosteiro Cistercense de Oseira. A súa prioral-rectoral está no lugar de Faramontaos. É indubidable que este edificio eclesial tivo unha orixe medieval, perfectamente documentada polos restos conservados. Consta tamén documentalmente que nesta parroquia funcionan as Confrarías da Nosa Señora da Natividade, a Irmandade do Santísimo e a do Rosario. O ano 1755 marca unha etapa constructiva que configura á igrexa como a contemplamos na actualidade reedificándose na súa totalidade.